Saturday 04 de May de 2024

Gonzalo Muíños cuestiona que se desvincule a comarcalización da construción dun novo parque de bombeiros


O portavoz dos socialistas advirte de que “en dous ou tres anos” a Xunta requirirá as instalacións actuais do parque e “se non comezan xa os trámites para unha nova localización podemos ter un problema”

Pregúntase ademais que pasará co edificio de Salgueiriños no caso de que o bipartito busque outro emprazamento

Mentres avanzan as negociacións para o parque comarcal de bombeiros, o goberno local parece decidido a desvincular a comarcalización do servizo coa construción dun novo edificio. Algo que cuestionan desde as filas socialistas polo efecto, a medio prazo, que pode ter esta medida. O seu portavoz insiste en que, de ser así, unha vez resolta a comarcalización, “pode que chegado o momento non haxa vontade das outras administracións implicadas de resolver a cuestión das instalacións”

Gonzalo Muíños recorda que no anterior borrador de convenio incluíase que Xunta e Deputación contribuían a sufragar a obra remodelación do edificio de Salgueiriños -con un millón de euros cada unha, e o concello aportaba o restante-, algo que non chegou a confirmarse xa que, critica, o goberno galego “decidiu frear as negociacións pola proximidade das eleccións”.

A gravidade da cuestión reside, explica Muíños, en que nun prazo máximo de tres anos, a Xunta requirirá as instalacións actuais que ocupan os bombeiros na Avenida de Lugo porque o espazo formará parte do novo edificio administrativo da administración autonómica. Así, insiste, cómpre “iniciar os traballos canto antes para o novo edificio, “sexa ou non comarcal” porque “en tres anos como máximo, os nosos bombeiros se quedarán sen parque, e se non se comezan os traballos para a nova localización podemos ter un problema”.

En este sentido, Muíños pídelle ao bipartito “seriedade” nesta cuestión, “que sigan as negociacións agora que a Xunta non está preocupada por períodos electorais” pero insiste, en que esas negociacións se fagan pensando a medio prazo, tendo en conta esta cuestión e pensando tamén que “se non levan o parque de bombeiros a Salgueiriños, que pensan facer con ese edificio?”.